Blogia

Escola de caracois

Letras disfrazadas de animais, estrelas, cores. maxia.....

Letras disfrazadas de animais, estrelas, cores. maxia.....

 

Se decimos "times new roman" ou "arial" todos e todas sabemos que estamos falando dun tipo de fonte para escribir. ¿Que tipo de letra empregamos co alumnado cando utilizan un procesador de texto?. Evidentemente, esta cuestión vincularase co tipo de metodoloxía que empreguemos na nosa aula. En Escola de caracois apostamos polo xogo cas formas, cores, tamaños...e isto tamén aplicados a construcción do código gráfico, é dicir, queremos que os nosos nenos e nenas xoguen con gran variedade de letras e números. E por isto polo que imos gardando tódalas fontes que atopamos na rede que nos parecen atractivas, acordes ó tema tratado, conectadas cos seus intereses...é realmente gratificante observar como sempre se sorprenden ante unha nova fonte cando escriben co teclado:letras que son pantasmas, elefantes, coches...incluso podemos facer un album cos seus nomes con distintas modalidades, é unha colección que medra cas súas creacións. No apartado de enlaces abrimos unha nova categoría "fontes" para ir poñendo as páxinas que coñezades para baixalas. Para instalalas é moi sinxelo: Unha vez descargadas copiamos o arquivo. Logo imos a inicio-panel de control-fontes. Nesa espazo pegamos o arquivo que antes copiaramos. Logo cando traballemos co procesador de texto xa poderemos ver como esta se sumou as fontes, so hai que seleccionala....e xogar con cada unha das letras, experimentando, facendo portadas para os contos, etiquetas...Esperamos os vosos comentarios.

Compartindo espazo doméstico: paternidades e maternidades.

Compartindo espazo doméstico: paternidades e maternidades.

Seguimos co tema da introducción transversal da perspectiva de xénero na nosa práctica educativa, traballando con material artístico. Deste xeito fusionaremos tic- educación-arte-vida. Dividiremos ó alumnado por grupos que poden ser rotatorios, e unha parella traballará no ordenador.1.          un grupo buscará en libros obras cuia temática sexan as tradicionais maternidades, tanto pinturas como esculturas, pode escanearse ou fotocopiarse.2.             outro grupo buscará en material impreso ( revistas, catálogos…) caras de homes, recortándoas.3.             A parella do ordenador buscará tamén obras de arte ca temática das tradicionais maternidades, por exemplo en calquer buscador ( poden buscar por maternidade e os/as artistas que coñezan: Picasso, Botero ...Imprimirase o material escollido. Agora que xa temos todo o material, cada neno/a collerá unha obra de arte e lle cortará ou picará a cara de muller, e no seu sitio lle porá unha cara de home das atopadas nas revistas. Logo faremos un mural de paternidade-maternidade, ca obra orixinal e o lado a creada polos/as nenos/as. Como en toda actividade as modalidades e accións son múltiples, podemos xogar con fotos dos familiares do alumnado, cas súas propias fotos...sacarlle fotos con “pose” paternidade-maternidade, con bonecos/as tanto os nenos como as nenas...Podemos sacarlle fotos ou escanealas e facer unha galería virtual e logo comentala nunha asamblea, envialas por correos...¿que vos parece?. 

Apostando pola transversalidade da perspectiva de xénero.

Apostando pola transversalidade da perspectiva de xénero.

As persoas que apostamos pola transversalidade e a “non fragmentación do coñecemento”  temos na inclusión da perspectiva de xénero na nosa práctica docente un reto. O ordenador, distintos programas, internet... son recursos e ferramentas tecnolóxicas que nos poden axudar  neste terreo tan cheo de esteriotipos e roles onde a muller está claramente invisibilizada. Levamos un tempo observando que cando se fan parellas de traballo diante do ordenador, soe ser o neno o que manexa o rato e a nena a que toma apuntamentos ou queda nun segundo plano na navegación, isto vese máis acentudado en Secundaria. Se observamos a gran maioría dos patios podemos comprobar como o espazo central é ocupado polos nenos e na periferia soen estar as nenas, ¿é casual?, ¿existe realmente a integración?...¿De cantas mulleres destacadas na historia, ciencia... lles falan os libros que escollemos?.  Dende Infantil xa temos que empezar con estratexias en Igualdade de Oportunidades, por elo propomos facer parellas de nenos e nenas, e controlar que os/as teñan o mesmo peso protagonista nas actividades que desenvolvan. Tamén podemos traballar con contidos que se vinculen por exemplo ó espazo doméstico. ¿Con que asocian os obxectos da vida cotidiá?. Para falar de esteriotipos podemos ir proxectando distintos obxectos que coñezan: un balón, un sillón de oficina, un camión, unha fregona... tamén se poden imprimir e facer un album onde estean pegados tanto ó lado dun home como dunha muller.Aproveitemos a gran potencialidade deste medio para explorar o espazo interior dos nosos nenos e nenas. Ë a nosa responsabilidade.

Saltando obstáculos.

Saltando obstáculos.

Neste espazo atoparedes un “Comunicador” que vos pode facilitar a integración dos nenos e das nenas que o precisen, a través de pictogramas, e mesmo inventar xogos con todo o grupo. A súa utilización é moi sinxeliña e imprímese directamente, sendo un material co que despois se poden facer contos, adiviñanzas...para a nosa biblioteca, para etiquetar material, mobiliario...

Tamén podemos utilizar nas nosas aulas recursos onde a linguaxe visual (cores, puntos, liñas, formas...)sexa a protagonista, exprimiendo deste xeito o seu potencial para chegar ó mundo das emocións, ideas, sentimentos...do noso alumnado. Cando eles e elas están creando cas ferramentas que lle proporcinamos xa se están comunicando, so hai que escoitalos con tódolos sentidos.

Contidos sen violencia para os nosos nenos e nenas.

Contidos sen violencia para os nosos nenos e nenas.

David, é un neno de 4 anos. Vive en Nigrán e lle encanta xogar cos animais, dí que de maior quere ser veterinario. El é un dos caracois desta Escola. Hoxe quere contarvos cales son as súas páxinas favoritas: Fantasmín, Boohbah, Poisson e Wumpa.  Pensamos que lle gustan estas páxinas porque vai descubrindo xogos, contos...son verdadeiras aventuras de cores, formas e notas musicais. Tamén o deseño está perfectamente estudiado, sendo unha fonte de estímulos que enriquece notablemente os seus esquemas de coñecemento. Son tres páxinas nas que son inexistentes os contidos violentos, e que serven como exemplo para calar, dun xeito argumentado, moitas das críticas que acusan ós “ordenadores” de encherlle ás cabeciñas de lixo. Internet é como unha gran cidade. Decímoslle ós nosos fillos/as que non se pode cruzar cando o semáforo está en vermello, pero seguimos colléndolle a man e cruzando con eles/as. O código das cores dos semáforos repetímosllo unha e outra vez, un dia tras outro. Pois o mesmo debe ocorrer ca actitude diante do ordenador. Non os podemos sentar diante deles e tan so advertirlle que non queremos que xoguen a guerras, nen onde haia sangue..debemos decirllo e estar sentados con eles/as, xogar con eles/as, falar con eles/as, comentar os xogos...Non os podemos deixar sos na gran cidade de Internet, porque a probabilidade de que se perdan e de que os atropellen é moi alta. Temos que ensinarlle a camiñar por sitios seguros, por páxinas adaptadas as súas características evolutivas. Agora temos que empezar a facer páxinas así en galego, no noso idioma, para que os nenos e as nenas, camiñen tamén pola súa cidade  dentro da gran cidade deInternet.

De novo nos patios.

De novo nos patios.

¿Que historias se escribirán este ano?.  O verán visitounos e xa se foi, nunca se detén, e deixa as galerías cheas de fotografías e imaxes para o recordo. Escola de caracois volve abrir as súas portas, esperamos que nos visitedes como o curso pasado, compartindo as vosas experiencias, recursos, dúbidas, inquedanzas, proxectos... escola de caracois vaise construindo con cada un dos vosos ladrillos. Comenzamos pois, con esta obra do mestre de Educación Infantil e artista galego Rafita.

Teclado, rato....aprendamos sempre xogando.

Teclado, rato....aprendamos sempre xogando.

Estamos recibindo varios correos preguntándonos por páxinas para traballar habilidades básicas para o funcionamento do ordenador, xa que pouco a pouco, afortunadamente, están introduccindose os ordenadores nas nosas escolas, agora teremos que facer por integralos na nosa práctica diaria e cotidiá, pouco a pouco...Aquí tedes algunhas onde se fusionan o manexo do teclado, o rato...ca compoñente lúdica, sempre fundamental. Podemos xogar ó baloncesto,  ó ping pong, ó futbol, a coller ovos de galiña, a saír dun laberinto, unir puntos, cazar parrulos...Xa nos diredes como funcionan, e lembrade que é bo que vaiades facendo un banco de enderezos e ensinarlle ós nenos e as nenas a acceder a eles.

Pintando con Picasso.

Pintando con Picasso.

Grazas a esta aplicación temos a oportunidade de achegarnos a un dos xenios do mundo da Arte, estamos falando de Picasso. Nas aulas non so debemos darlle importancia as obras dos nenos cando as rematan senon que será no proceso cando se aproximen o facer, o sentir, o dubidar, o decidir..dos artistas.Esperamos que disfrutes e que nos enviedes espazos semellantes a este.

Exemplo de Webquest

Exemplo de Webquest

 

As Webquest son actividades educativas que van máis alá dunha simples buscas pola rede. Nas Webquest é preciso traballar en equipo e realizar tarefas nas que ademais de empregar un ordenador hai que utilizar outras ferramentas para a elaboración en moitos casos de pequenos traballos que recollan todo o que se estivo facendo.

Este é un exemplo de Webquest para primaria que nesta Páxina podemos atopar en galego.

Outra modalidade de actividades a través de internet son as cazas de tesouros. Esta é unha que está relacionada co Día das letras galegas deste ano e que ademais ten premio. Aquí tedes un Xenerador en galego e aquí exemplos de webquest para Educación Infantil.

Xogamos ás AGACHADAS INTERNEIRAS.

Xogamos ás AGACHADAS INTERNEIRAS.

Podemos xogar nun parque con pedras, balóns…na praia ca area, con caldeiros….na alfombra do salón con bonecos e coches… e tamén podemos xogar nun portal da rede. É interesante que sexa o propio neno o que  explore e vaia descubrindo distintos contidos: xogos, contos, puzzles, cancións…pero tamén é moi divertido xogar “as agachadas interneiras” onde deberán atopar aquelas cuestións, obxectos, palabras, imaxes…ou realizar actividades que se localicen nel, como escribir unha postal, seguir unha historia, resolver unha adiviña…que se lle indiquen, recomendamos que se poñan por parellas para fomentar a cooperación.

Previamente seleccionaremos un portal que conecte cos seus intereses, temas tratados na aula, a súa vida cotidiá…e buscaremos retos para logo plantexarlle a eles e elas. Aquí tedes un exemplo de portal que se presta moi ben para este tipo de dinámica. Poderiamos proporlle retos nesta agachada interneira coma: escribe unha postal, fai un almanaque do mes no que nos atopamos, contesta esta pregunta¿ que instrumento podemos tocar na zona de música?, ¿Cómo se chama a personaxe que nos ensina as partes do corpo?... Podemos deseñar un rexistro onde vaian vendo ós aspectos os que debe de chegar, facendo anotacións ó lado, pegando gomets, coloreando ...cando os vaian acadando.Para os máis pequenos os retos serán todos visuais, por exemplo investigando por esta páxina.

 

Cadernos na rede, apuntamentos do día a dia nas escolas galegas...

Cadernos na rede, apuntamentos do día a dia nas escolas galegas...

Pouco a pouco, imos atopando cadernos (os chamados blogs) na rede. É unha invitación a que entremos nas escolas e compartamos experiencias entre docentes, entre os nenos e as nenas, que conversemos a través dos comentarios e as imaxes...é vivir experiencias en espazos virtuais.  Algúns relatan actividades, proxectos...que fan nos seus centros, e outros deciden facelo sobre algo máis específico: recopilando poemas, receitas nun obradoiro de cociña de Educación Especial Aceesca....Aquí tedes algúns exemplos: Vagalume, Pequerrechos,  Piñeiriño, Alvarez-limeses...e esperamos que os vosos se empecen a escribir prontiño.

Facendo eco das iniciativas en galego.

Facendo eco das iniciativas en galego.

Aínda que este material,  A TINTA DAS LETRAS,  non naceu pensando nos nenos e nenas de Educación Infantil ou Primaria, pensamos e sentimos que temos que facernos eco das iniciativas que se están deseñando no noso país. Podedes participar como mestres e mestras.¡Animádevos!.

Música mestre e mestra!!!

Música mestre e mestra!!!

Aquí temos a unhas personaxes moi simpáticas que están esperando a que dirixas o coro. Os nenos e as nenas poden tamén organizarse en distintos grupos e cantar como elas cando o indique o director ou directora dende o teclado. Tamén podemos tocar o piano e moitos máis instrumentos que atoparemos na rede e que temos na nosa aula. A cantar e bailar moito...

Somos maquilladores e maquilladoras.

Somos maquilladores e maquilladoras.

Como xa dixemos noutras ocasión podemos traballar a coeducación a través de moitos materiais aínda que non foran deseñados para este fin. Neste espazo poderemos atopar un rostro para maquillar, que logo publicarase na portada dunha revista de moda. Aproveitaremos para reflexionar sobre esteriotipos. Podemos facer un collage buscando persoas con distintas características e incluilas nesta revista.

Creamos personaxes.

Creamos personaxes.

Podemos inventar e crear personaxes ca palabra, ca música, con títeres, nunha folla de papel...e tamén en espazos que nos ofrece internet.¿Como se chama o que ti creache?. ¿Onde vive?.¿Que lle gusta facer?...Podemos imprimilos e elaborar contos para a nosa biblioteca, xogar con eles...as posibilidades son infinitas.

O contacontos.

O contacontos.

Había unha vez un xardín onde as flores so medradan ca música. Un día caiu unha gran nevada e puseronse a xogar ca neve. Entroulles xeo nas orellas e como non escoitan ningunha melodía foron quedándose durmidas...Empezaron a saír personaxes das obras de arte para despertalas...¿Queres seguir ti este conto por outras páxinas que coñezas?.

A granxa de internet.

A granxa de internet.

Os animais soen ser as personaxes favoritas dos nenos e das nenas, por iso xogamos nas nosas aulas con cancións, poemas, puzzles, debuxos, contos...onde eles son os protagonistas que dan vida as historias. En internet tamén podemos atopar moitos recursos que podemos incluir nas nosas dinámicas. Benvid@s a granxa de internet.

As partes da cara.

As partes da cara.

A miúdo xogamos nas nosas aulas cas distintas partes da cara,¿que vos parece  se ademáis de mirarnos ó espello, esculpir as formas das caras dos compañeiros, facer máscaras e maquillarnos.... tamén traballamos co noso amigo o ordenador?.

Unha caixa de sorpresas...

Unha caixa de sorpresas...

Unha boa amiga, compañeira e mestra pasounos este enlace que estamos seguros de que lle sacaredes moito proveito. Ë unha caixa de sorpresas....¿Que vos parece se facemos un collage?, ¿Ou se xogamos con formas xeométricas en movemento e de cores?...¿A que máis podemos xogar?.

Fotografía artística nas nosas aulas.

Fotografía artística nas nosas aulas.

¿Que lle pode aportar a fotografía artística ó noso alumanado?. Dende aqui propomos (e apostamos) pola inclusión deste recurso visual nas nosas aulas. Facede unha visita cos nenos e nenas pola obra de Chema Madoz. É unha experiencia estética e vivencial do máis grata para eles e para nós.